Monday 20 de May de 2024

A directora de Turismo de Galicia destaca que apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido


Sinala que as múltiples posibilidades que ten o turista á hora de elixir un destino fan que a calidade se converta na actualidade nunha necesidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da campaña de promoción da marca Q Calidade Turística ‘Concertos con Q’ promovida polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE).

Este ciclo de concertos, que comeza nesta mesma noite cun concerto de Antonio Carmona e outros artistas invitados na localidade pontevedresa de Baiona, difundirá a través de citas musicais a importancia de contar cun sistema de calidade turística que é un referente internacional pola súa profesionalidade e o seu prestixio e que aporta ao turismo galego e español un importante signo de diferenciación.

Durante a súa intervención, Nava Castro destacou que as múltiples posibilidades que ten o turista á hora de elixir un destino fan que a calidade se converta nunha necesidade no sector turístico actual.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido e sitúa ás empresas e destinos nunha posición de maior privilexio fronte aos nosos competidores.

“A calidade, así como as certificacións que a identifican, son elementos que contribúen á dinamización turística ao constituír un elemento determinante na toma de decisión para un importante e numeroso colectivo tanto de turistas nacionais como internacionais”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia recoñeceu e agradeceu a labor realizada polo Instituto de Calidade Turística de España e animou aos presentes a continuar na senda da constancia, do método e a organización para obter uns servizos de calidade que redunden nunha mellora do sector turístico.

274 empresas certificadas coa Q de Calidade Turística
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que cada ano Galicia ven incrementando as súas empresas e servizos certificados coa marca Q de Calidade.

Segundo afirmou, no 2004 Galicia contaba con 16 empresas certificadas e no pasado ano 2015 alcanzáronse as 274 empresas coa Q de Calidade Turística, outorgadas polo Instituto para la Calidade Turística Española.

“Esta traxectoria positiva demostra o interese dos empresarios galegos por mellorar e continuar impulsando un sector que é primordial para a nosa comunidade”, afirmou.